
A película documental Maruja Mallo. Mitad ángel, mitad marisco (descrición que da artista fixo Salvador Dalí), producida por Filmanova para a Sociedade Estatal de Conmemoracións Culturais, coa colaboración da Fundación Caixa Galicia, percorre a traxectoria vital e artística de Maruja Mallo a través de imaxes de arquivo e algunha reconstrución da vida real da pintora galega que repasa o desenvolvemento da súa pintura e o contexto da época. O documental conta, ademais, cos testemuños de Antonio Bonet Correa, Juan Manuel Bonet, Antón Castro, Isaac Díaz Pardo, Estrella de Diego, María Escribano, Antonio Gómez Conde, Fernando Huici, Emilio Insúa, Shirley Mangini, Carlos Nuevo, Guillermo de Osma, Marga Paz, Rosario Peiró, Carmen Pena, Juan Pérez de Ayala, Marifé Santiago Bolaños, José Vázquez Cereijo, Ana Vázquez de Parga e Carme Vidal.
Ana María Gómez González, nome real de Maruja Mallo, naceu en Viveiro en 1902. Tras pasar a súa infancia entre Galicia e Asturias, en 1922 trasladouse definitivamente coa súa familia a Madrid. O traballo de Insua e Cal certifica que a artista viviu en Galicia ata os 11 anos, pasando diferentes estancias en Viveiro, Corcubión, A Coruña e Vigo. Estudou Belas Artes na Academia de San Fernando, ao igual que seu irmán Cristino, coincidindo nesta escola con Dalí, con quen tivo relación moi próxima. Na Residencia de Estudantes tomou contacto co Surrealismo e a Xeración do 27, especialmente con Buñuel, García Lorca, Alberti, Dalí e Pepe Bello.
1902 O 5 de xaneiro de 1902 nace, en Viveiro, Ana María Gómez González, cuarta filla do matrimonio formado por Justo Gómez Mallo, madrileño, e María del Pilar González Lorenzo, natural de Vigo. A futura artista pasará a súa infancia sucesivamente en Vigo, Viveiro, Tuy, Verín e Xixón.
1913 Instálase coa súa familia en Avilés.
1922 Realiza durante o verán de 1922 a súa primeira exposición individual nas salas do Concello de Xixón. A artista e a súa familia trasládanse, xa de forma definitiva, a Madrid. Maruja Mallo e seu irmán Cristino matricúlanse na Real Academia de Belas Artes de san Fernando.
1923-1925 Coñece a Salvador Dalí, compañeiro seu en San Fernando, e a Federico García Lorca, Luís Buñuel e Gregorio Prieto. Establece unha estreita amizade con María Zambrano e Concha Méndez. Inicia a súa relación amorosa con Rafael Alberti.
1926 A Deputación Provincial de Lugo concédelle unha bolsa para estudos de pintura que será ampliada por outros dous cursos máis. Destinan a seu pai a Tenerife, e a nova artista pasa unha tempada con el. Esa estancia inspirará dúas telas importantes: La isleña ou La mujer de la cabra e Dos mujeres en la playa.
1927 Súa nai falece en Tenerife. No mes de agosto realiza unha exposición na Feira de Mostras de Xixón, mostrando por primeira vez a serie de cadros sobre Verbenas, as súas Estampas e La isleña.
1928 O 26 de maio presenta, con gran éxito, unha exposición individual en Madrid, nos salóns da Revista de Occidente, invitada por José Ortega y Gasset. Ernesto Giménez Caballero publica Hércules jugando a los dados cunha sobrecuberta que reproduce unha viñeta da artista.
1929 Ano de máis estreita relación creativa con Alberti. Pinta a serie Cloacas y campanarios. Cadros que parecen encontrar a súa equivalencia en palabras nos poemas que Alberti reúne en Sobre los ángeles e Sermones y Moradas. Á par, Maruja Mallo deseña os figurinos e decorados para as pezas teatrais do poeta: Santa Casilda,La pájara pinta ou Colorín, colorete. Ambos adiantan en La gaceta literaria de Madrid, durante o mes de setembro, o libro conxunto Yo era un tonto y lo que he visto me ha hecho dos tontos dedicado aos cómicos do cine mudo. Desgraciadamente, tras a súa ruptura, publicarase sen as ilustracións da artista.
1931 Viaxa a París, cunha bolsa da Junta para la Ampliación de Estudios, para estudar as novas tendencias do deseño escenográfico.
1932 No mes de maio expón na galería Pierre de París dezaseis obras, entre Estampas e a serie Cloacas y campanarios, que obtén un rotundo éxito. Picasso, Miró e Paul Éluard visitaron a mostra. André Breton adquire El espantapájaros e Teriade unha Estampa de maniquí.
1933 Regresa a Madrid. Morre seu pai. En outubro participa, con dúas obras, na "Primera exposición del Grupo de Arte Constructivo" organizada por Joaquín Torres García e realizada no marco do Salón de Otoño de Madrid. Dende este punto, os escritos teóricos de Torres García e do matemático romanés Matila G. Ghyka exercerán unha influencia decisiva no desenvolvemento de todo o seu traballo posterior. Estreita amizade con algúns membros do Grupo Construtivo - Luis Castellanos, Benjamín Palencia, Alberto Sánchez- e cos poetas Miguel Hernández e Pablo Neruda. Realiza as series de Arquitecturas vegetales y minerales e das Construcciones rurales.
1934 Gaña a praza de profesora de debuxo libre e de composición para alumnos de primaria nos institutos nacionais nas oposicións convocadas polo Ministerio de Instrución Pública. Destínana ao Instituto de Arévalo.
1935 Dá clases de debuxo no Instituto Escola de Madrid. Colabora, como artista invitada, coa Escola de Cerámica de Madrid. Alí realiza un ciclo de deseños para pratos, decorados con motivos populares e xeométricos, que sitúa un fito na evolución da súa linguaxe plástica. Os deseños orixinais desaparecerán, desgraciadamente, durante os bombardeos sufridos no asedio a Madrid. Realiza a escenografía e figurinos para a ópera de Rodolfo Halffter Clavileño, que ía representarse no Auditorio da Residencia de Estudantes de Madrid no mes de outubro de 1936 e a súa estrea quedou anulada pola guerra civil.
1936 Participa na "Exposición Logicofobista" en Barcelona, e na gran mostra "L'Art espagnol contemporain" organizada polo Estado español en París. O Estado francés adquire unha Verbena para as súas coleccións públicas. En maio, reúne nunha mostra nas salas do ADLAN en Madrid as obras realizadas nos últimos anos: as Arquitecturas minerales y vegetales, as Construcciones rurales e Arquitecturas campesinas, os bosquexos das cerámicas, as maquetas da súa Plástica escenográfica para Clavileño. Presenta ademais un cadro de gran formato, La sorpresa del trigo, que anuncia un novo salto decisivo na súa sintaxe pictórica. Cara ao verán, viaxa coas Misións Pedagóxicas a Galicia, onde a sorprende o levantamento militar e o inicio da guerra civil. Cruza a fronteira cara a Lisboa. Gabriela Mistral, embaixadora de Chile en Portugal, organízalle unha viaxe a Uruguai e Arxentina para dar unha serie de conferencias auspiciadas pola Asociación de Amigos da Arte.
1937 O martes 9 de febreiro, Maruja Mallo chega ao porto de Bos Aires a bordo do vapor postal Alcántara. Inicia así un exilio que se prolongará durante 25 anos. Invitada pola Asociación Amigos da Arte viaxa a Montevideo, onde pronuncia a súa conferencia "Proceso histórico de la forma en las artes plásticas".
1938 A revista Sur, dirixida por Victoria Ocampo, publica no número de abril o seu novo texto "Lo popular en la plástica española a través de mi obra". O 2 de agosto represéntase no Salón Casablanca de Bos Aires, a Cantata en la tumba de García Lorca, de Alfonso Reyes, con música de Jaime Pahissa que dirixe a orquestra, e deseño escénico de Maruja Mallo. Publica en La Vanguardia de Barcelona catro artigos titulados "Relato veraz de la realidad de Galicia", crónica arrepiante do que presenciou antes de abandonar España. Viaxa a Valparaíso e Viña del Mar e coñece as praias de Chile.
1939 Conclúe con El canto de las espigas a serie pictórica de La religión del trabajo, iniciada en España en 1936 con Sorpresa del trigo. A ela pertencen outros cinco cadros: Arquitectura humana, de 1937, La red,Mensaje del mar,Estrella de mar, El mar y La tierra, realizados en 1938
1941 Comeza a pintar as series de Retratos bidimensionales e Naturalezas vivas.
1942 A editorial Losada publica a monografía Maruja Mallo, con prólogo de Ramón Gómez de la Serna.
1943 La Casa Compte de decoración de Bos Aires encárgalle diversos traballos de decoracións funcionais, plástica ornamental incorporada a téxtiles, murais, mobles e obxectos para edificios e vivendas. Comeza a pintar a súa serie de cadros de máscaras.
1944 O Museo Nacional de Belas Artes de Montevideo adquire unha Naturaleza Viva da artista.
1945 Viaxa á Illa de Pascua con Pablo Neruda. Realiza un conxunto de tres grandes murais para o vestíbulo do cine Los Ángeles de Bos Aires, deseñado polos arquitectos López Chas e Zemborain.
1946 O Museo de Belas Artes Rosa Galisteo da cidade de Santa Fe compra o retrato bidimensional de la Cabeza de mujer (frente y perfil), de 1941.
1947 Viaxa a Nova York
1948 Gaña, en maio, o Primeiro Premio de Pintura da XII Exposición de Nova York, pola Cabeza de negra que hoxe pertence ao Museo de Pontevedra. En outubro, inaugura unha exposición de pintura na galería Carroll Carstairs de Nova York, onde presenta unha Verbena, os sete óleos da serie de La religión del trabajo, dous Racimos de uvas, nove Naturalezas Vivas e cinco Cabezas de mujer.
1949 A libraría Clan de Barcelona publica o libro Maruja Mallo, Arquitecturas, con prólogo de Jean Cassou, que reproduce os debuxos das Construcciones rurales e Arquitecturas campesinas.
1950 No mes de marzo, volve a expoñer en París, na galería Silvagni, un total de vinte e dúas obras nas que mostra o ciclo do mar e a terra, os dous acios de uvas, unhas cabezas de muller e, por primeira vez, oito cadros de Máscaras.
1960 Viaxa a Madrid. En outubro presenta na galería Mediterráneo de Madrid unha mostra con cadros da etapa española, que conservaran seus irmáns no domicilio familiar, e algúns exemplos da obra americana.
1962 Regresa definitivamente a España e instálase de novo en Madrid.
1967 Gaña o Premio Estrada Saladrich de pintura, pola súa obra, de 1929, Espantapeces. Presenta unha exposición no Colexio de Arquitectos de Barcelona.
1974 As obras da artista incluídas na exposición "Orígenes de la vanguardia española" e outras mostras posteriores realizadas na galería Multitud de Madrid, terán un gran impacto e converterán a Maruja Mallo nunha figura de culto na escena da época. Realiza de novo viñetas para as portadas da Revista de Occidente.
1979 A galería Ruiz Castillo presenta en Madrid unha primeira mostra antolóxica que reúne algunhas das obras máis clásicas da artista, xunto a unha pequena selección do seu último ciclo plástico dos Moradores del vacío.
1982 Recibe a Medalla de Ouro de Belas Artes concedida polo Ministerio de Cultura.
1990 Medalla de Ouro da Comunidade de Madrid.
1991 A Xunta de Galicia concédelle a súa Medalla de Ouro.
1992 A Galería Guillermo de Osma presenta en Madrid unha mostra antolóxica da súa obra.
1993 A Xunta de Galicia organiza unha gran retrospectiva da artista en Santiago de Compostela, como exposición inaugural do edificio que será sede do CGAC.
1995 Maruja Mallo falece en Madrid á idade de noventa e tres anos.

En virtud de la fusión de la Caja de Ahorros de Galicia (Caixa Galicia) y de la Caixa de Aforros de Vigo, Ourense e Pontevedra (Caixanova), toda mención que en esta página web, así como, por tanto, en sus subdominios, se hace a Caja de Ahorros de Galicia o a Caixa Galicia se entenderá referida a la entidad resultante de la fusión, denominada Caixa de Aforros de Galicia, Vigo, Ourense e Pontevedra, con domicilio social en A Coruña (C.P.15003), Calle Rúa Nueva, 30-32, e inscrita en el Registro Mercantil de A Coruña.
Particulares
![]()
Empresas
Información corporativa